terça-feira, 7 de outubro de 2008

Nova Academia Galega


Nom sei se vistes nos meios de comunicaçom que acabou de ser apresentada umha nova Academia Galega que, ao contrário da existente até hoje, aposta na integraçom do galego no espaço lusófono. Achei de interesse reproduzir as informaçons de La Voz de Galicia sobre a questom. Aqui estám.

Unha nova academia galega tenta a confluencia co idioma portugués

O catedrático Montero Santalha preside unha entidade que comeza con 29 membros de varios sectores sociais

Para o representante da Xunta, Galicia é «o pequeno país de Europa con máis posibilidades de comunicación»
O nome da lingua autóctona do país debería ser «portugués de Galiza», en lugar de galego, indicou o profesor Martinho Montero Santalha na presentación pública da Academia Galega da Língua Portuguesa, que preside. O obxectivo desta entidade é conseguir a confluencia entre os idiomas do norte e o sur do Miño, como defendía Castelao nunha coñecida carta a Sánchez Albornoz de 1944, acrecentou.

A nova academia está integrada por 29 membros, e en próximas datas incorporará máis. A maioría son lingüistas que exercen no ensino universitario e non universitario galego e do exterior, ben como escritores, e representantes do empresariado, a economía, a música, o periodismo ou a informática. Tamén onte presentaron o número 1 do seu Boletim , que será anual.

O presidente da asociación que promoveu esta entidade, o padronés Ângelo Cristóvão, dixo que queren ser unha Academia do século XXI, e buscan servir ao país e seguir «a mellor tradición galeguista».

O secretario xeral de Relacións Institucionais da Xunta, Xoán Pérez-Lema, deu os parabéns e un «abrazo fraternal» á nova entidade no nome do vicepresidente Anxo Quintana, e afirmou que «o nacionalismo galego sempre considerou que o espazo de Galicia está dentro da lusofonía». Este representante institucional indicou que Galicia pode ser «o pequeno país europeo con máis posibilidades de relacionamento internacional e comunicación», pois o galego abre as portas para 230 millóns de lusófonos de Brasil, Portugal, catro países de África, alén de Timor, Macau e Goa en Asia, ao que se deben sumar as amplas perspectivas do castelán.

Conservar o galego

Evanildo Bechara, da Academia Brasileira de Letras; Artur Anselmo e João Malaca Casteleiro, da Academia das Ciências de Lisboa, e Carlos Reis, Reitor da Universidade Aberta de Portugal, salientaron as posibilidades de desenvolvemento do galego na «diversidade da lingua común portuguesa». Reis insistiu en que o galego debe conservar o seu léxico e a súa pronunciación, e Malaca salientou que o portugués é «a terceira lingua europea máis falada do mundo». O escritor João Craveirinha lembrou os intereses económicos de empresas galegas en Mozambique, e indicou que o anglófono África do Sur emerxe como o terceiro país con máis falantes de portugués no continente, só superado por Angola e Mozambique.

Ao acto asistiron representacións do BNG (Carlos Aymerich e Camilo Nogueira), do Instituto Camões, das universidades brasileiras de São Paulo e McKenzie, dos Colóquios da Lusofonía, a Associaçom Galega da Língua, o Movimento Defesa da Língua, a asociación cultural O Facho, a Associação de Amizade Galiza-Portugal e a Associação Pró Academia Galega da Língua Portuguesa. Houbo actuacións musicais, con estreas de composicións, unha ofrenda no Panteón de Galegos Ilustres e un recital de poesía. Na Universidade de Santiago, o vicerreitor de Cultura, Elías Torres, destacou o «proxecto de galeguidade que aquí nos reúne».

Os promotores da idea citan a Murguía e Castelao entre os defensores da reintegración

Montero Santalha indicou que a reintegración do galego no portugués é unha idea tradicional do galeguismo: xa a defendían Manuel Murguía, no discurso inaugural da Real Academia Galega, antes Pondal, e despois Risco, Castelao, Guerra da Cal -o máis citado na sesión, por galegos e lusófonos-, Otero Pedrayo, Vilar Ponte, Dieste, Cunqueiro, Paz-Andrade ou Carvalho Calero, de quen foi a idea desta nova academia, afirmou.

Só nas últimas décadas se impuxo a maior aproximación ao castelán, apoiada por filólogos que priman a dialectoloxía e por parte do poder político.

Fonte: La Voz de Galicia

Nenhum comentário: