quarta-feira, 26 de março de 2008

Os portugueses e o galego

Alunos da turma da manhá falárom-me de um artigo de opiniom publicado no dia 24 no jornal La Voz de Galicia sobre o português, o galego e o espanhol, a olhos da populaçom portuguesa. Um tema interessante, do qual temos falado nalgumha ocasiom nas aulas; por isso vos coloco o tal artigo, do escritor ferrolano Xavier Alcalá, para quem, como eu, nom o tivesse lido.

Os portugueses e o galego

La Voz de Galicia vén de publicar unha interesante reportaxe sobre as ferias (e nalgún caso feiras) dos galegos en Portugal. Preguntados hostaleiros portugueses acerca da lingua en que prefiren que se lles fale, trunfa «o castelhano». Segundo un entrevistado, porque, por exemplo, os portugueses confunden o xantar de aquén do Miño co «jantar» de alén. Seica prefiren oír «cena» en castelán, que significa «escena» en portugués: iso (¡oh, misterio das falas!) non induce a erro.

No miolo de respostas de tal guisa está o profundo complexo de inferioridade lingüística de boa parte dos portugueses, alimentado por unha perversa política nacionalista lisboeta. Todo o que vén do Norte chéiralles mal aos estremeños que impuxeron por vía administrativa a súa fala mestiza, tocada de mozárabe e árabe, impregnada de castelán. O Norte son as orixes; alí, na «Galiza» (que é a matriz) dicíase «leituga», mais cómpre dicir «alface». O Norte asusta coa memoria da fala primixenia; e resulta moito máis interesante tentar o «portunhol» do que se mofan quen teñen por fala natural o castelán.

Contrasta con esta postura a dos portugueses cultos, e as de brasileiros e africanos coñecedores do galaico-portugués que une a galaico-lusofonía universal. Eses gozan co galego pois saben que «todo el está contido no portugués» segundo Guerra da Cal... É grande mágoa o se falar tanto de irmandade e eurorrexión en canto os Gobernos nada fan por esclareceren para o pobo o que as elites intelectuais teñen tan claro.

Nenhum comentário: